Saber Máis de Entrimo

Benvidos a esta visita virtual a Entrimo, Reserva da Biosfera, Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, zona Rede Natura 2000, e linde co Parque Nacional portugués de Peneda- Geres.

En Entrimo sentimos orgullo de pertencer a unha terra que soubo construír e manter unha paisaxe, e un entrono natural, que hoxe vense recoñecidos a nivel internacional, e que se pretenden salvagardar para o mantemento da biodiversidade e o disfrute das xeracións futuras.

Sabemos que a única forma de conseguilo é mantendo a actividade humana, de forma que sigan habitados os nosos pobos e lugares, con xentes que continúen coa xestión dos nosos montes e bosques, coa permanencia dos pastos e terras de cultivo.

Por iso traballamos, para conseguir un rural viable e atractivo para a vida das persoas, de forma que sigamos contando coas intelixencias e as mans, que cos coñecementos e as técnicas de hoxe, sigan xestionando o territorio con sustentabilidade, e co mesmo coidado e sabedoría que os nosos antepasados de onte, tan ligados á terra.

Como no resto dos espazos naturais protexidos do mundo rural europeo, en Entrimo temos o reto de construír entre todos, as condicións que fagan posible que Entrimo e a nosa comarca, ofrezan aos seus moradores condicións de vida e oportunidades de educación, desenvolvemento persoal e emprego, acordes coas esixencias do século XXI.

A través desta páxina de internet, pretendemos sumar unha pequena contribución a ese gran reto de futuro.

Queremos divulgar a riqueza natural, ambiental, paisaxística e cultural do noso Concello, de forma que animemos aos internautas a achegarse até a nosa terra, a visitarnos en calquera época do ano, para coñecer e gozar a nosa natureza e contorna privilexiados. E como non: A contribuír a ese gran reto de futuro.

Grazas pola túa visita virtual, e ¡Benvido a Entrimo!

Entrimo

Mapa localización de entrimo.