Espazos protexidos > Parque Natural

O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, no que Entrimo ten gran parte do seu territorio, declarouse como tal xa no ano 1993 (mediante o Decreto 29/1993, de 11 de febreiro) , con anterioridade ás posteriores declaracións da Rede Natura 2000 e da Reserva da Biosfera.

O Parque Natural é unha figura de protección da natureza de carácter autonómico, recollida na Lei 9/2001 de Conservación da Natureza de Galicia.

Este parque forma linde a través da fronteira hispano portuguesa, co Parque Natural de Peneda-Gerés, ocupa unha extensión total de 20.920 ha, ás que se sumarán de forma inmediata (ano 2010) outras 8.842 ha, até totalizar 29.768 ha, localizadas nos termos municipais de Bande, Lobeira, Lobios, Muiños e Calvos de Randín, ademais de Entrimo. En Entrimo a superficie do Parque Natural esténdese sobre uns dous terzos da superficie total do concello, principalmente sobre as Serras de Queguas e O Quinxo.

Como todos os Parques Naturais réxese por un Plan de Ordenación dos Recursos Naturais, ou PORN, que no caso do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, é o PORN aprobado polo Decreto 64/2009, do 19 de febreiro,da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Este PORN é obrigatorio e executivo en todo o que afecte á conservación, protección ou mellora da flora, a fauna, a gea, os ecosistemas, a paisaxe, os hábitats e os recursos naturais. Ademais o PORN prevalecerá sobre calquera outros instrumentos de ordenación territorial ou física, constituíndo as súas disposicións un límite para estes, cuxas determinacións non poderán alterar ou modificar aquelas, e aplicaranse, en todo caso, prevalecendo sobre os instrumentos de ordenación preexistentes. Ten ademais carácter vinculante para calquera outra actuación, plan ou programa sectorial .

O PORN establece unha zonificación consistente en catro categorías acordes coas establecidas no Plan director de ordenación dos recursos naturais e do medio físico da Rede Natura 2000: zona de reserva, zona de interese prioritario para a conservación, zona de uso restrinxido e zona de uso xeral.

Os posibles usos e aproveitamentos dos recursos naturais teñen no PORN a consideración de permitidos, autorizables e non permitidos en función do seu incidente sobre os valores que motivaron a súa declaración.