Espazos protexidos > Reserva da Biosfera

Dende o 26 de maio de 2009, data da súa declaración pola UNESCO, Entrimo forma parte da Reserva da Biosfera transfronteiriza de Geres- Xurés.

Esta reserva ten unha extensión de 259.456 ha, que se estenden polo Parque Nacional de Peneda-Geres, en zona portuguesa, e o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, xa en parte española.

A Reserva ten como principal fundamento, a procura dunha xestión integral do conxunto dos termos municipais que a integran, de forma que se promocionen e busquen recursos complementarios aos da Rede Natura 2000 ou aos de Parque Natural ou Parque Nacional, tanto para a xestión dos recursos naturais en si e a protección dos valores ambientais, como a promoción de actividades sustentables para a poboación.

Ademais do termo de Entrimo na súa totalidade, en España esta Reserva da Biosfera comprende os municipios de Bande, Calvos de Randín, Lobeira, Lobios e Muíños en Galicia, e na parte de Portugal os municipios de Arcos de Valdevez, Melgaço, Montalegre, Ponche dá Barca e Terras de Bouro.

Estas Reservas deben contribuír ao logro de tres obxectivos básicos:

  • Conservación das paisaxes, os ecosistemas, as especies e a diversidade xenética.

  • Desenvolvemento económico e humano sustentable dende os puntos de vista sociocultural e ecolóxico.

  • Coñecemento científico e apoio loxístico, prestando apoio a proxectos de demostración, de educación e capacitación sobre o medio ambiente e de investigación e observación permanente en relación con cuestións locais, rexionais, nacionais e mundiais de conservación e desenvolvemento sustentable.

Sendo as Serras Galaico-Miñotas e os vales asociados unha unidade bioxeográfica que require unha atención coordinada entre as distintas administracións implicadas na súa xestión, a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Xurés Gerês supón unha oportunidade para a cooperación e o uso sustentable a traves da xestión común dun ecosistema compartido.

Esta delcaración reforza a rede de reservas da biosfera na Peninsula Ibérica, sendo siñificativo o incremento da superfice de bosques e matogueira e a incorporación de endemismos estritos que é necesario protexer.

Ademais dos endemismos, existen varios taxones de plantas vasculares, cuxa distribución está case limitada ao territorio da Reserva da Biosfera, a cal representa unha relevancia importante para a conservación da flora, tanto a nivel nacional como mundial.

A Reserva contará cunha política ou un plan de xestión da zona na súa calidade de Reserva da Biosfera, que seguirán no fundamental as liñas de acción xa iniciadas, principalmente as establecidas polos plans de Ordenación e pola Rede Natura, que serán continuadas e desenvolvidas, no sentido da elaboración dun Plan de Xestión conxunto integrado da Reserva da Biosfera, que lles de coherencia entre elas, e o dote de maior eficacia, especialmente ao coordinar accións transfronteirizas sobre un territorio que é unha mesma unidade no sentido das súas características naturais, socioeconómicas e de necesidades de xestión e conservación.

Igualmente a Reserva da Biosfera dotarase dunha Autoridade ou Órgano de Xestión encargado de aplicar as directrices contidas no instrumento de xestión. A data de finais de 2009, ambos están en fase de elaboración e constitución.

Do mesmo xeito que no caso do Parque Natural e da Rede Natura 2000, a Reserva da Biosfera articúlase ao redor dunha zonificación do territorio, con diferentes niveis de protección.

No caso de Entrimo, aproximadamente un terzo da súa superficie está clasificado como “zona núcleo”, un terzo como “zona tampón” e outro terzo como “zona de transición”.