Preguntas Frecuentes

É o mesmo o Parque Natural, que a Rede Natura 2000?
Non. A Rede Natura 2000 é unha figura de protección que xorde dunha Directiva da Unión Europea. O Parque Natural é unha figura de protección da lexislación autonómica e a lexislación nacional. Agora ben, ocurre que en moitos casos coincide que un territorio é á vez Parque Natural e Rede Natura 2000. É o caso do Parque da Baixa-Limia Serra do Xurés, que se atopa sobre un territorio á vez declarado como Rede Natura 2000.

Pódese cazar e pescar nun Espazo Natural Protexido?
A caza pode estar autorizada para os TECOR ou Sociedades de Caza da zona, pero sempre que teñan plans de aproveitamento cinexético aprobados pola Administración, que non contradigan os PORN ou Plans de Xestión, e que estean supervisados pola Autoridade Ambiental. Igualmente a pesca é posible en todos aqueles tramos de río onde estea autorizada pola Administración.

Pódese acampar nun Parque Natural?
Pódese acampar unicamente naquelas zonas autorizadas e designadas para ese efecto.

Que limitacións teñen os habitantes dun Espazo Natural Protexido?
Teñen as limitacións que se recollan no documento de xestión do ENP, ben sexa un PORN no caso dun Parque Natural, ben o Plan de Xestión, no caso de tratarse de Rede Natura 2000. Estas limitacións variarán en función da zonificación do territorio do espazo protexido que estableza o citado PORN ou Plan de Xestión.

A agricultura e gandaría teñen algún papel nun Espazo Natural Protexido?
A agricultura, a gandaría e a actividade forestal, teñen un papel esencial nos ENP. Son estas actividades as que xeraron ao longo dos séculos a paisaxe e as condicións naturais que hoxe se protexen coa figura do ENP. Teñen un papel fundamental na xestión sustentable do territorio e os recursos naturais, así como na prevención dos incendios forestais e na conservación do patrimonio histórico, artístico e cultural dos ENP.