Natureza > Fauna Cinexética

Aínda que en tempos remotos a caza foi un medio de vida para o home, ao longo dos séculos se veu transformando nunha actividade lúdica, nun deporte. Deixouse escrito en moitas ocasións, que a danza, a conversa, e a caza, constituíron sempre as actividades pracenteiras favoritas do ser humano, en practicamente todas as épocas e culturas. No entanto na actualidade, a caza é algo máis, é unha necesaria ferramenta de xestión das poboacións de distintos animais, tanto dos predadores na cúspide da pirámide ecolóxica, como dos herbívoros, que en ausencia da actividade da caza sustentable, alcanzarían un número excesivo para garantir a supervivencia doutras especies e o equilibrio doutras poboacións faunísticas, ou ben xerarían danos incompatibles co desenvolvemento ordenado da agricultura e a gandaría dunha zona.

A fauna cinexética de Entrimo é moi completa, incluíndo todas as especies de caza maior e menor que hai en Galicia, salvo quizá algunhas aves.

Fauna Salvaje6

En Entrimo é posible cazar o coello, Oryctolagus cuniculus e a lebre, Lepus granatensis, a pomba torcaz e a perdiz, o xabaril Osseus scrofa, o corzo, Capreolus capreolus, e o raposo, Vulpes vulpes. É notable a expansión do corzo e do xabaril na última década, do mesmo xeito que sucede no resto de Galicia. Ambas as especies dan lugar a importantes pratos e especialidades gastronómicas na zona, que o visitante pode degustar durante a tempada de caza nos establecementos hostaleiros da zona.

O caso do lobo, Canis lupus, é diferente, xa que na actualidade non é unha especie cinexética nesta área, aínda que a súa caza poderíase autorizar en casos excepcionais de producirse danos reiterados á cabana gandeira. En todo caso prefírese sempre apostar polos métodos preventivos no manexo do gando, e sería sempre precisa unha autorización especial por parte das autoridades.

É importante sinalar o notable éxito da reintroducción da cabra do Xurés, Capra pyrenaica lusitanica, desaparecida en 1890 da parte española e portuguesa da Serra, obxecto dun plan de reintrodución que a Administración do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés está a levar a cabo desde 1997. O PORN do Parque Natural, contempla a posibilidade de regulamentar a súa caza no futuro, como un aproveitamento cinexético económico, pero sobre todo como un instrumento de xestión para axudar á regulación sustentable das súas poboacións.