Natureza > Flora

Os chans agrícolas e gandeiros han ir perdendo a súa importancia en Entrimo, á vez que o despoboamento rural e o abandono das tarefas do campo. Aínda que non ocupan moita extensión, teñen dúas funcións fundamentais. Unha é a protección dos núcleos de poboación fronte aos incendios forestais. En efecto, ao estar próximos ás casas, funcionan a modo de devasa natural, impedindo que en caso de incendio o lume chegue a ameazar directamente ás vivendas e instalacións. De feito danse situacións de gran perigo alí onde a agricultura e gandaría desapareceron e o combustible forestal chega ás mesmas inmediacións dos núcleos de poboación.

A súa outra función fundamental, tamén relacionada cos incendios, é a de intercalarse no medio de masas continuas de matogueira ou de bosques, onde compartimentalizan o territorio, impedindo a existencia de grandes incendios forestais, xa que é moi fácil de apagar o lume cando chega até un terreo agrícola ou un pasteiro.

O gando mostrenco de Entrimo, fundamentalmente cabalar e vacún (vaca cachena), ten tamén un importante papel na prevención de incendios, ao controlar o desenvolvemento e altura da matogueira, e ao favorecer a conservación e mantemento dos pastos.

Do mesmo xeito agricultura e gandaría enriquecen e varían o hábitat natural das distintas especies de fauna salvaxe e cinexética, o que axuda á súa conservación e xestión.

É fundamental para o futuro da conservación dos espazos protexidos, que se acerte coas políticas de desenvolvemento rural, de forma que siga sendo viable e atractivo, o mantemento da agricultura e a gandaría en Entrimo e na comarca da Baixa Limia- Xurés.