Natureza > Flora

As especies caducifolias son as de maior valor ecolóxico e as que constitúen o chamado “climax vexetal”. Climax é unha palabra grega que quere dicir “último banzo” dunha escaleira. A teoría ecolóxica di que un chan será ocupado en primeiro lugar por especies herbáceas e de matogueira, pioneiras que irán formando o chan. Unha vez que ese chan está mellorado chegarán os bidueiros e os piñeiros, que o mellorarán aínda máis, ata que ten unha calidade suficiente para albergar ás frondosas, que crecerán baixo os piñeiros e iranos desprazando.

En Entrimo o climax vexetal constitúeno estas masas de frondosas, xeralmente formadas polas quercíneas como o carballo, o cerquiño e a sobreira, Quercus robur, Quercus pyrenaica e Quecus suber respectivamente, o castiñeiro Castanea sativa, os freixos, Fraxinus sp. e os bidueiros Betula sp e salgueiros, Salix sp. así como especies de Acer sp, o loureiro Laurus nobilis, ou o Prunus lusitanica.