Natureza > Flora

A vexetación arbustiva tipo matogueira, é a máis abundante, ocupando máis da metade do territorio de Entrimo, aínda que non é homoxénea, podéndose distinguir varias formacións dentro dela, en función da altitude e do tipo de chan, así como da influencia do paso do lume.

Así en Entrimo podemos encontar “Toxeiras”, ou formacións de especie principal o “toxo” ou toxo, Ulex europaeus, planta de feroces petiscos que dificulta o paso polo monte, sendo unha leguminosa característica das rexións Atlánticas europeas.

As “Folgueiras”. Son as formacións características dos fentos, Pteridium aquilinum, xa en zonas de chans máis frescos e húmidos, xeralmente en exposicións norte, ou de umbría. Moitas veces acompáñanse dos “silveiros”, compostos por especies de Rosa sp, e Rubus sp., as conmumente coñecidas como zarzas ou “silvas”.

Os uceirais, formados polas uceiras, especies do xénero Erica, ocupan aquelas zonas onde se degradaron os cerquiños ou as carballeiras, fundamentalmente pola acción repetida do lume ao longo de centos de anos. Son terreos que as plantacións de piñeiros recuperarán para o seu posterior recolonización polas árbores frondosas caducifolias.

Os “carqueixales” ou formacións de Chamaespartium tridentata, asociados con especies do xénero Erica, son terreos aínda máis degradados que os uceirais, cuxa presenza utilizan os forestais como indicadores para determinar que neses chans non se poderá plantar directamente frondosas sen pasar por unha previa reforestación con piñeiros.

A maiores poderemos atopar outras especies como as xaras, Cistus sp., ou plantas aromáticas da familia dos tomiños, Thymus sp.

Hai que ter en conta, que salvo naquelas localizacións na que non é posible a presenza do arboledo (chan esquelético demasiado escaso en pendentes ou cimas, con fortes ventos constantes, por exemplo), a matogueira indica que hai un problema polo cal o arboredo non chega a desenvolverse. No caso de Entrimo este problema xeralmente é o lume, o incendio forestal, principal ameaza do parque e que só a intervención humana a través da xestión sustentable dos recursos, será capaz de conxurar no futuro.