Natureza > Flora

Os piñeirais presentes en Entrimo son fundamentalmente de piñeiro país ou marítimo, Pinus pinaster, procedentes de repoboación ou sementa no século XX, sobre terreos previamente ocupados por uces, ou matogueira en xeral. O piñeiral ten un papel ecolóxico moi importante, ademais do produtivo polas rendas que xera a produción de madeira, e a súa transformación nas industrias de aserrado, papel ou taboleiros ás que abastece de materia prima.

Os piñeiros, xunto a outras especies frondosas pioneiras como os bidueiros, son capaces de crecer sobre chans degradados pola erosión ou os incendios forestais, de forma que melloran a súa fertilidade física e química permitindo, que volvan establecerse sobre ese chan xa recuperado pola acción mellorante do piñeiro, os carballos, castiñeiros, freixos e resto de especies frondosas caducifolias.

Os piñeirais puros ocupan case o 7% do monte de Entrimo, maiormente en monte municipal de Utilidade Pública ou montes veciñais en man común, e case sempre fóra dos lindes do Parque Natural.

O piñeiral representa en Entrimo a formación vexetal de maior crecemento, e por tanto a que actualmente ten maior capacidade de capturar ou fixar CO2 atmosférico, calculándose nunhas 12.000 toneladas ao ano o CO2 retido na biomasa do piñeiral, equivalente ás emisións anuais de 6.000 vehículos.