Natureza > Xeoloxía e Chans

Xeológicamente, Entrimo atópase na zona denominada centro Ibérica. Atendendo á caracterización xeolóxica neste municipio, Entrimo correspóndese dentro da zona Galicia Tras Móntes. As rochas son de orixe granítica e, atendendo á súa estrutura, posición e composición, dentro do grupo de granodiorita biotítica (últimas fases do Hercínico), cunha pequena parte de rochas tipo Lousa ao pé da Serra do Quinxo, na beira do encoro do Lindoso.

Morfolóxicamente, a granodiorita xera un relevo abrupto de grandes birlos- cando o tamaño do gran é groso-, para suavizarse cando o gran diminúe.

Os chans que se forman a partir da rocha granítica, son areosos, moi filtrantes, e baixo o clima de Entrimo, dan lugar a unhas arxilas con escasa capacidade para reter os nutrientes do chan e reter auga, o cal limita a súa fertilidade. En efecto, por unha banda os nutrientes tenden a lavarse coa choiva, sen acumularse no chan, e por outro a capacidade para reter auga non é moi alta, o que orixina problemas de crecemento nos vexetais durante os períodos de verán, cando hai escasas precipitacións. Ao final a fertilidade vai depender moito da profundidade do chan, o cal á súa vez depende en gran medida da pendente. Polo tanto os chans máis fértiles tenderán a concentrarse nos pés dos vales e zonas chairas, e pola contra os menos fértiles estarán en condicións de forte pendente. Nos chans máis profundos e fértiles, ou nas proximidades dos cursos de auga, concéntranse as especies frondosas, e os pastos e chans de cultivo, e alí onde o chan é máis escaso, ou onde houbo problemas de erosión, medrarán os piñeiros, ou si a fertilidade non é suficiente, a matogueira.