Natureza > Ríos e encoros

Os ríos fortemente encaixados nos vales con forma de V, son unhas das principais características que definen a paisaxe de Entrimo. As súas augas corren de norte a sur, e son todos afluentes do río Limia, que limita a Entrimo polo seu linde sur, antes directamente, e dende o ano 1992 co encoro de Lindoso, que separa a Entrimo de Lobios e Portugal.

Os ríos máis pequenos reciben o nome de “corgos”, e caracterízanse pola súa torrencialidade e gran pendente, xa que salvan importantes desniveis en tramos moi curtos. O feito da existencia de grandes desniveis na zona, fai que estes cursos de auga sexan aptos para o aproveitamento hidroeléctrico, enerxía renovable que non emite CO2, aínda que ten outros importantes impactos asociados, razón pola que o PORN do Parque Natural prohibe a instalación futura de novas centrais hidroeléctricas no ámbito do espazo protexido.

Os ríos e encoros de Entrimo albergan unha Fauna piscícola que permite a práctica da pesca en diversas épocas do ano, e con diversos réximes de protección.